Tuesday 21 de May de 2024

Rematadas as obras de reordenación ambiental da contorna da praia do Testal, nas que se investiron máis de 375.000 euros


O alcalde de Noia, Santiago Freire, e o xefe da Demarcación de Costas en Galicia, Rafael Eimil, visitaron esta mañá a zona, onde se construíu unha pasarela peonil de 770 metros e 1.700 m2 de sendas

O alcalde de Noia, Santiago Freire, e o xefe da Demarcación de Costas en Galicia, Rafael Eimil, visitaron esta mañá a contorna da praia do Testal, onde veñen de rematar as obras de reordenación ambiental do litoral noiés. Un proxecto encargado a Tragas pola Dirección Xeral de Sostenibilidade da Costa e do Mar e que supuxo un investimento de 375.039,21 euros nos últimos seis meses.

Santiago Freire e Rafael Eimil estiveron acompañados polos concelleiros noieses Ángela Neri, Mariola López Cierto e Martín Fernández Godón, así como por enxeñeiros de camiños da Demarcación de Costas e da empresa adxudicataria, que comprobaron sobre o terreo as actuacións executadas na zona e que inclúen a instalación dunha pasarela peonil de 770 metros entre a praia do Testal e a lonxa, 1.700 m2 de sendas en zahorra e a habilitación de dúas novas áreas para o aparcamento de vehículos.

Santiago Freire destaca que se trata dunha inversión “para mellorar a contorna paisaxística e promover o uso dun espazo que antes era un antigo vertedoiro e que, pouco a pouco, se vai acondicionando e rexenerando para habilitar esta zona para actividades deportivas, de paseo e de sendeirismo”. Neste sentido, o alcalde noiés sinala que “estas sendas do Testal están entrelazadas coa ponte sobre a Ría e que remata en Río do Porto, onde ten continuidade ata Abruiñeiras, onde se van seguir facendo actuación. Isto significa dispoñer unha zona para o paseo e o deporte nunha contorna moi próxima ao casco urbano de Noia”.

Reordenación ambiental

O proxecto de reordenación ambiental do litoral no Testal supuxo a creación dunha pasarela peonil de 770 metros entre a praia e a lonxa, seguindo o trazado da estrada. Unha pasarela elevada en plástico reciclado que imita á madeira e dun ancho de 1,5 metros. “Ademais de mellorar a seguridade dos peóns, tamén impide que se fagan estacionamentos sobre o areal, preservando este espazo”, explica Freire Abeijón. Durante as próximas semanas, o Concello de Noia procederá á instalación de tres bancos na zona e enviará a operarios municipais para a limpeza do lugar e para iniciar a revexetación da zona.

Finalmente, a actuación inclúe dúas zonas para o estacionamento seguro de vehículos: unha a carón da pista polideportiva do Testal e outra en ambas marxes do vial de acceso á lonxa do Testal, a prolongación da DP-5706 (de titularidade compartida pola Deputación da Coruña e Portos de Galicia). “Isto vai a supoñer unha comodidade para os mariscadores e mariscadoras que acudan ao Testal, pois van poder estacionar en condicións de seguridade”, puntualiza o alcalde noiés.

Freire Abeijón amósase moi satisfeito co resultado dos traballos, “pois é froito de case dous anos de xestións e que agora poderán desfrutar os veciños e veciñas de Noia”, ao tempo que indica que “imos seguir traballando para conseguir máis inversións deste tipo para preservar o noso ecosistema”. Neste sentido, indica que “hai un investimento tamén de Costas do Estado que é a remodelación da Fachada Marítima, que enlaza dende a ponte do Campo de Noia ata o muelle do Marqués, que agardamos que se poida desenvolver ao longo dos próximos meses”.